O Concello de Sarria tratará de cobrar as taxas pendentes aos usuarios do matadoiro

SarriaXa
O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, defendeu “a transparencia, o rigor e a firmeza” coa que está a actuar o Goberno local no caso do matadoiro.
Matadoiro municipal de Sarria
19 Out 2023

O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, defendeu “a transparencia, o rigor e a firmeza” coa que está a actuar o Goberno local no caso do matadoiro. Ademais, quixo lembrar que foi o propio grupo de Goberno o que, alertado polo Departamento de Tesoureiría, destapou a finais do pasado mes de xullo “desaxustes económicos froito dunha dinámica de cobro herdada de mandatos anteriores”.

Garrido lembrou que ata a data celebráronse dúas comisións informativas nas que se lle ofreceu aos grupos da oposición toda a información dispoñible, chegando a cifrar en 165.679 euros a cantidade pendente de ingreso nas arcas municipais nos últimos catros e cuxo prazo de cobro non prescribiu.

Neste senso, o Concello “seguirá o procedemento que recomenden os servizos técnicos para tratar de cobrar esas cantidades non ingresadas”. O rexedor local apuntou que, segundo a ordenanza do matadoiro, o lóxico é proceder ao cobro das taxas pendentes aos usuarios do matadoiro ou suxeitos pasivos e, no caso de que acrediten que xa as aboaron no seu día, será o momento de dirimir outras responsabilidades e localizar o desvío deses fondos.

“Unha administración ten que actuar ante certezas, non ante crenzas, e nestes momentos o goberno de Sarria non dispón de certezas suficientes para apuntar nin culpar a ninguén saltándose a presunción de inocencia. Segundo as palabras doa alcalde, o Goberno de Sarria “vai seguir actuando con rigor e firmeza”, concluíu.

0.1680588722229