O Concello de Triacastela amosa o seu malestar polo corte de luz no día de onte
O Concello de Triacastela amosa o seu malestar polo corte no subministro eléctrico que levou a cabo no día de onte a empresa Naturgy, encargada do servizo na localidade.
Os veciños e veciñas estiveron desde as dez da mañá sen luz debido aos traballos que están levando a cabo na rede. Estas actuacións non lles foron comunicadas nin a eles nin ao Concello de Triacastela, que lamenta esta falta de coordinación, unha incidencia que o Goberno local vén de poñer en coñecemento da empresa eléctrica para que non volva acontecer.
Este corte produciuse ademais nun dos días nos que máis afluencia de xente ten a localidade, posto que é un dos días no que abre a oficina bancaria e moitos veciños e veciñas aproveitan para facer os recados na vila.
Desde o Concello de Triacastela lamentan as molestias causadas, polo que lle piden á empresa que non volvan actuar deste xeito, senón que informen sempre que as súas actuacións vaian afectar ao subministro eléctrico e, polo tanto, a todos os veciños e veciñas.