O Concello de Triacastela amplía a ruta de San Mamede, que terá un percorrido circular
O Concello de Triacastela está a executar obras de ampliación na ruta de San Mamede. Prevese que os traballos, aos que se destinan preto de 13.000 euros, estén rematados a finais deste mes.
O roteiro, que ten actualmente uns 2,5 quilómetros de lonxitude, une a capitalidade municipal coa capela de San Mamede. A ampliación que se está levando a cabo permitirá facer un percorrido circular para ir ata a capela, na que cada 17 de agosto se celebra a festividade deste santo.
A ruta de San Mamede, que se habilitou no ano 2019, discorre pola serra do Oribio e ao longo do seu percorrido atópanse distintas construcións típicas da zona, como antigas alvarizas, que se empregaban para protexer as colmeas do mal tempo e da depredación dos animais.
Os traballos que se están a executar agora, en zonas de Rede Natura, contan cunha axuda do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.