O Concello de Triacastela destina 15.000 euros a un plan de axudas a autónomos e empresas

SarriaXa
O goberno local traballa nas bases destas axudas que irán destinadas ao sector turístico, comercial e á hostalería, os máis afectados pola covid
triacastela
30 Mar 2021

O Concello de Triacastela conta este ano cunha cantidade dalgo máis de 202.000 euros de fondos procedentes do Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos, dos que a metade "como mínimo", indican desde o goberno local, se destinarán ao plan de obras e servizos.

Neste senso, o Concello destinará 59.000 euros á mellora da pista de comunicación de Santa María do Monte a Vales e preto de 28.000 euros á mellora do acceso ao núcleo rural de San Breixo. Ao programa de Axuda no Fogar destinarase outra partida de 20.000 euros.

A maiores, o programa de fomento do emprego supón un investimento de 71.641 euros, que se destinarán á contratación de tres peóns e un administrativo. Os peóns encargaranse dos traballos relacionados con acondicionamento, mantemento e limpeza de accesos a núcleos de poboación, camiños e viais municipais, limpeza e conservación de espazos públicos, así como mantemento e vixilancia de redes de saneamento, alcantarillado, abastecemento de auga e alumeado público, entre outras.

No apartado de turismo, reservánse 11.636 euros para a redacción e elaboración de contido audiovisual promocional de Triacastela co que dar un impulso ao sector e atraer novos visitantes. Pola súa banda, o programa administración electrónica e protección de datos absorbe 3.849 euros do Plan.

AXUDAS Á HOSTALERÍA E COMERCIO

Entre as novidades deste ano, a creación dun programa de axudas a empresas e autónomos do municipio afectados pola situación que trouxo consigo a covid, que estará dotado con 15.300 euros. En concreto as axudas irán destinadas ao sector turístico, comercial e á hostalería, os máis afectados por mor da pandemia e rexeranse por unhas bases nas que xa traballa o Goberno local.

O Concello de Triacastela comprométese a incluír no orzamento municipal do ano 2021 os fondos necesarios para facer fronte ás achegas municipais indicadas con cargo ao Plan Único.

0.18069911003113