O concello de Triacastela inicia un proxecto de compostaxe nos domicilios do municipio
O Concello de Triacastela colocará o vindeiro luns 28 de novembro de 10.30 a 13.30 horas, unha carpa informativa a fin de que os veciños e veciñas do termo municipal interesados en participar na campaña de compostaxe doméstica se poidan informar e inscribir na mesma.
A campaña está ideada para a participación de 25 vivendas pertencentes preferentemente á zona rural, sendo a condición indispensable posuír un espazo de horta e/ou xardín no que colocar un composteiro, que recibirán de forma totalmente gratuíta.
Os interesados poderán inscribirse ben na propia carpa ben nas oficinas municipais, de xeito presencial ou de forma telefónica chamando ó teléfono 982 548 147 a ata fin de existencias.
Esta iniciativa desenvólvese en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia -no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU-, e complementa a outras iniciativas desta índole levadas a cabo polo ente municipal.