O Concello de Triacastela, titular do tramo da LU-633 que coincide co Camiño Francés
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a transferencia a prol do Concello de Triacastela dun treito antigo da estrada autonómica LU-633, coincidente coa traza do Camiño Francés.
O Concello de Triacastela solicitara ao departamento de Infraestruturas do Goberno autonómico o cambio de titularidade dese antigo treito en curva da estrada LU-633, no punto quilométrico 28, á saída da capitalidade do municipio, co fin de destinalo a uso público e de recreo.
O tramo mide uns 112 metros de lonxitude e o ano pasado foi obxecto de traballos de acondicionamento, nos que o Goberno autonómico investiu 45.000 euros.
As obras incluíron a reposición do firme da calzada e a instalación dunha barreira de seguridade para protexer a nova zona de lecer con respecto á calzada da estrada autonómica. A intervención comprendeu ademais a nivelación do espazo entre ambos viais para a súa humanización con zonas verdes e a colocación de mobiliario urbano.
Co cambio de titularidade, que se fará efectivo mañá, o Concello de Triacastela terá xa a competencia para actuar nesta vía e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.