O Concello do Incio aproba os Orzamentos para 2025 por 2,2 millóns de euros

SarriaXa
O Goberno local destina unha parte significativa dos investimentos reais a obras financiadas polo Plan de Deputación de Cooperación cos Concellos
Pleno-Investidura-Concello-do-Incio
28 Feb 2025

O Concello do Incio aprobou no Pleno os Orzamentos Municipais para o ano 2025, que ascenden a 2,2 millóns de euros, unha contía similar á do ano pasado. O grupo da oposición decidiu absterse na votación dos mesmos.

O Goberno local destina unha parte significativa dos investimentos reais a obras financiadas polo Plan de Deputación de Cooperación cos Concellos.

Entre as principais actuacións previstas destaca a pavimentación de accesos a varios núcleos da zona, como Ferrería, Saa, Monteagudo, San Salvador, Viladecais, Pacios, Viteses e Vilar da Vara. Estas obras mellorarán a accesibilidade e as infraestruturas do municipio.

Unha das novidades máis destacadas deste orzamento é a substitución do sistema de calefacción da Casa Consistorial por un sistema de aerotermia, que permitirá unha mellora na eficiencia enerxética do edificio.

Tamén se instalará unha pequena planta fotovoltaica que contribuirá ao bombeo do sistema de abastecemento de auga, o que enmarcará o Concello dentro da Axenda 20-30 de desenvolvemento sostible. Estas medidas permitirán reducir o consumo eléctrico e mellorar a eficiencia dos recursos municipais.

Esforzo no gasto social

A pesar das dificultades derivadas da falta de financiación estatal para o Servizo de Axuda no Fogar, o Concello do Incio fará un importante esforzo para seguir prestando este servizo.

Ademais, o Concello creará un novo servizo de Xantar na Casa, destinado a familias con dificultades económicas que precisen apoio. Estas medidas reflicten o compromiso do Goberno local coa mellora do benestar social da veciñanza.

O alcalde, Héctor Corujo, destacou que a capacidade financeira do Concello mellorou grazas á redución do endebedamento herdado. Esta mellora permitirá, co apoio da Xunta de Galicia, a realización de diversas actuacións en materia de vivenda.

O rexedor adiantou que se irá dando conta de cada unha destas actuacións en canto se confirmen as axudas solicitadas ao Goberno galego. En total, os investimentos reais previstos ascenden a máis de 466.000 euros.

Apoio á cultura

A cultura tamén recibirá apoio destacado durante o próximo ano. O Goberno local confirmou o seu apoio “decidido” a dúas das actividades culturais máis relevantes do Concello: o Festival Terra Brava e o Tremeterra Fest, dous eventos musicais de gran proxección que seguen gañando público ano tras ano.

Ademais, este ano o Concello organizará a primeira edición do Cocido Gourmet de Porco Celta, que terá lugar o 15 de marzo, consolidándose como unha nova proposta gastronómica e cultural para a veciñanza e visitantes.

O Concello do Incio continúa traballando na mellora das infraestruturas, na promoción do benestar social e no apoio á cultura como eixe central do seu desenvolvemento para o ano 2025.

⚙ Configurar cookies
0.63347887992859