O Concello do Incio celebra a primeira edición do Cocido Gourmet Porco Celta

SarriaXa
O evento contará cun pregón a cargo da escritora local Marica Campo, quen foi elixida para esta primeira edición polo seu papel como referente cultural do medio rural galego
Festa-do-Cocido-Gourmet-O-Incio
28 Feb 2025

O sábado 15 de marzo, o Concello do Incio organizará a primeira edición do Cocido Gourmet Porco Celta, un evento gastronómico que busca revalorizar este produto autóctono e convertelo nun atractivo turístico tanto a nivel comarcal como en toda Galicia.

A comida terá lugar no Hotel Hermida Rural, en Eirexalba, a partir das 14.00 horas, e contará cun pregón a cargo da escritora local Marica Campo, quen foi elixida para esta primeira edición polo seu papel como referente cultural do medio rural galego.

Antes do xantar, os asistentes poderán gozar dunha cata de viños a cargo de Adegas Guímaro, coa participación especial de Terra Brava como adega convidada. Ademais do cocido, o menú incluirá sobremesa e queimada, mantendo as tradicións culinarias galegas.

O alcalde do Incio, Héctor Corujo, subliñou a importancia deste evento para poñer en valor o porco celta, unha especie que conta coa maior explotación no municipio. Ademais, destacou que a intención é consolidar esta cita no calendario gastronómico galego, fomentando a súa continuidade e ampliando a súa repercusión cada ano.

Sobre a figura da pregoeira, o rexedor destacou as súa fondas raíces locais, a súa traxectoria persoal e a súa contribución á cultura galega, cualificándoa como "unha das maiores e mellores expoñentes da cultura do noso país".

Venda de entradas

As persoas interesadas en asistir a esta primeira edición do Cocido Gourmet Porco Celta poden adquirir as súa entradas no Concello do Incio ou realizando a reserva a través dos teléfonos 982 427 014 e 604 017 264.

O prezo dunha mesa para 12 comensais é de 540 euros, mentres que a entrada individual pode adquirirse por 46 euros. A asistencia ao evento require a compra anticipada de entradas.

O Concello do Incio agradece a colaboración das empresas locais, así como de Asoporcel, Adegas Guímaro e a Xunta de Galicia, cuxa implicación fixo posible a celebración desta primeira edición do evento gastronómico.

⚙ Configurar cookies
0.87436079978943