O Concello do Incio mellorou a eficiencia enerxética da Casa Consistorial con apoio da UE

SarriaXa
As obras incluíron o illamento da envolvente térmica e a substitución da caldeira por aerotermia para reducir consumo e emisións
Concello_do_Incio
9 Oct 2025

O Concello do Incio realizou durante o ano 2025 obras de mellora da eficiencia enerxética na Casa Consistorial, unha actuación cofinanciada pola Unión Europea.

Para esta intervención obtívose unha subvención de 87.069,89 euros no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, segundo a “Orden de 16 de xaneiro de 2024”, destinada a proxectos de eficiencia enerxética en edificios vinculados á prestación de servizos municipais.

As obras consistiron en dúas actuacións principais. En primeiro lugar, reformouse a envolvente térmica mediante a execución dun trasdosado interior con illamento de la de roca e revestimento con placas de xeso laminado, reducindo así as perdas de calor nas plantas baixa, primeira, segunda e baixo cuberta.

En segundo lugar, substituíuse a antiga caldeira de gasóleo por un sistema máis eficiente, coa instalación dunha bomba de calor aire-aire (aerotermia), mellorando a climatización do edificio e reducindo o consumo enerxético.

Con estas actuacións, o Concello do Incio contribúe a diminuír a emisión de gases de efecto invernadoiro, afrontando os efectos do cambio climático, ao tempo que incrementa o confort e a eficiencia da Casa Consistorial.

⚙ Configurar cookies
0.064611911773682