O Concello do Incio participa no programa Xuntos polo Nadal
Os servizos sociais do Concello do Incio informan e realizan as solicitudes a aquelas persoas interesadas no programa Xuntos polos Nadal. Este é un programa destinado ás persoas maiores que se atopan soas na festividade do nadal por diferentes circunstancias e que ten como finalidade que pasen estas datas acompañadas doutras persoas coa mesma situación.
Así pois, todos os interesados do Concello do Incio irán á residencia de tempo libre do Carballiño, en Ourense. O programa desenvolverase en dúas quendas; a primeira realizarase entre o 22 e o 29 de decembro de 2021 e a segunda entre o 31 de decembro e o 7 de xaneiro de 2022.
O servizo engloba a estancia na residencia durante oito días, aloxamento en habitacións compartidas e manutención, o desprazamento en autobús e as actividades de animación sociocultural.
A actividade é gratuíta e as persoas interesadas no programa poderán informarse e realizar a solicitude na oficina de servizos sociais do concello ata o día 15 de novembro.