O Concello do Páramo celebra unha nova edición das súas tradicionais Feiras de Primavera

O Concello do Páramo celebra unha nova edición das súas tradicionais Feiras de Primavera, que terán lugar os días 6, 7 e 8 de xuño no campo da feira do municipio.
Durante tres xornadas consecutivas, veciñanza e visitantes poderán desfrutar dun completo programa que combina tradición, cultura, música e produto local.
Como é habitual, o recinto contará cunha ampla variedade de postos e actividades pensadas para todos os públicos, e haberá exposición continua de maquinaria agrícola, artesanía e pintura, así como unha destacada presenza de gando coa celebración da Feira de Gando Vacún e tamén da Feira Cabalar, que reunirá a criadores e afeccionados do mundo equino.
A programación completarase con actuacións de grupos de pasarrúas e folclóricos, que poñerán banda sonora á festa con música tradicional e animación polas rúas do municipio.
Ademais, a gastronomía tamén terá un papel protagonista, con espazos dedicados a produtos típicos da zona e propostas para o lecer e o encontro social.