O Concello do Páramo celebrará o II Mercadiño de Nadal cun amplo programa familiar

O Concello do Páramo prepara para o sábado 13 de decembro a segunda edición do seu Mercadiño de Nadal, unha xornada pensada para dinamizar o municipio con propostas para todos os públicos. Durante todo o día haberá pulpería, churrería e numerosos postos de artesanía e alimentación, ademais dunha programación orientada especialmente ás familias e á participación dos máis pequenos.
Os postos abrirán ás 11.00 horas, marcando o inicio dunha celebración que contará coa chegada de Papá Noel ás 12.30 horas, un dos momentos máis agardados polos nenos. Pola tarde, ás 16.00 horas, o contacontos interactivo Nadal en prácticas, interpretado por Lalá Teatro e coa participación de Noelia Porto, vocalista do Grupo Punto Clave, achegará unha proposta lúdica e teatral ao público infantil.
A actividade continuará ás 17.30 horas cun obradoiro dirixido á creación de adornos de Nadal, e a feira pechará as portas ás 19.30 horas, poñendo fin a unha xornada dedicada ao espírito festivo destas datas.