O Concello do Páramo foi o escenario da xornada 'Transformación e crecemento no rural galego'
O Concello do Páramo foi o escenario da xornada 'Transformación e crecemento no rural galego', un evento organizado polo Polo de Emprendemento de Sarria en colaboración coa Gandería Quintián, que acolleu a actividade.
Durante a sesión, os titulares da explotación expuxeron a súa traxectoria e experiencia empresarial ante os asistentes.
O obxectivo deste encontro foi destacar as oportunidades de emprender no medio rural, así como dar a coñecer os recursos dispoñibles que ofrece o Goberno galego para a creación e consolidación de negocios.
A xornada contou coa participación da directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López, quen subliñou a importancia destas iniciativas para o desenvolvemento económico das zonas rurais.
Apoio institucional ao emprendemento
Desde os Polos de Emprendemento da Xunta promóvense estes encontros empresariais para compartir estratexias e dar a coñecer as distintas liñas de apoio dispoñibles para facilitar a posta en marcha, consolidación e competitividade das empresas no rural galego.
A Administración galega proporciona apoio económico mediante diversos programas de axudas, ademais de ofrecer asesoramento técnico gratuíto a través da rede de Polos de Emprendemento.
Actualmente, a provincia de Lugo conta con cinco destes centros situados en Sarria, A Fonsagrada, Friol, Mondoñedo e Monforte de Lemos, onde xa se ten prestado atención a case 800 proxectos empresariais.