O concurso de disfraces de Láncara terá varias categorías
O Concello de Láncara publicou recentemente as bases para o concurso de disfraces que terá lugar o 1 de marzo. Coa recuperación das actividades culturais, de ocio e deportivas chegou de novo o Entroido. O Concello contará con dúas festas, unha organizada pola Asociación Val de Láncara o día 27 de febreiro e outra o 1 de marzo.
O primeiro día do mes de marzo ás 16.30 horas diante da Antiga Estación de Tren da Pobra de San Xiao terá lugar o concurso de disfraces que ten como fin promover a cultura popular e tradicional do Entroido. Haberá diferentes categorías con premios para os tres primeiros clasificados de cada un deles. Neste senso, o certame terá categoría individual para maiores de 12 anos, parellas maiores de 12 anos, comparsas infantís formada por un mínimo de 6 nenos de 9 a 16 anos, comparsas de adultos formada por un mínimo de 6 persoas maiores de 16 anos e carrozas. Considéranse carroza todo aquel vehículo a tracción debidamente caracterizado e con suficiente superficie para que a totalidade do grupo ou polo menos máis do 50% dos seus integrantes poidan subir nel. O número mínimo para participar como carroza será de 5 persoas.
Será preciso inscribirse antes do día 28 de febreiro ás 15.00 horas nas oficinas municipais.
Os premios serán de 100 euros o primeiro 80 o segundo e 40 o terceiro nas categorías individual e parellas maiores de 12 anos. Para as comparsas o primeiro premio será de 200 euros, o segundo de 100 euros e o terceiro de 80 euros. Mentres que o primeiro premio para as carrozas será de 300 euros, o segundo de 150 euros e o terceiro de 80 euros. Estes seran vales para canxear en calquera establecemento do Concello ata o 30 de abril.