O corte de tráfico na autovía Nadela-Sarria amplíase ata o enlace Sarria sur

SarriaXa
O corte de tráfico na autovía Nadela-Sarria amplíase ata o enlace Sarria sur, proseguen as obras dende o punto quilométrico 22 ata o 26
autovia nadela sarria obras
7 Out 2022

A Xunta continúa avanzando na execución do firme nas obras da primeira fase da autovía Nadela-Sarria, que fará preciso ampliar dende hoxe mesmo o corte de tráfico ata o enlace Sarria sur.

Unha vez acometidos os traballos de estendido da capa de rodaxe entre os enlaces da Pobra de San Xiao e Sarria norte, nunha primeira fase, agora proseguirán as obras dende o punto quilométrico 22 ata o 26.

Nesta segunda fase se prevé finalizar a nova capa de rodaxe sobre o corredor existente, que proseguirá nos enlaces centro e norte. O luns 17 está programado comezar a disposición de sinalización horizontal e o 27 abrirase ao tráfico unha calzada da autovía en sentido Lugo-Monforte.

Así, na terceira fase, o 27 de outubro, quedará como única afectación o desvío do tráfico en sentido Monforte-Lugo pola estrada LU-546, entre os enlaces de Sarria norte e A Pobra de San Xiao.

Neste período acometerase a capa de rodaxe na calzada de desdobramento, tamén se levará a cabo a disposición de sinalización horizontal e acabados.

Trátase das últimas obras da primeira fase desta autovía, entre A Pobra de San Xiao e Sarria, cuxa finalización se prevé en outono.

A Xunta destina un orzamento de 25 millóns de euros nesta intervención que supón a adaptación dos tres enlaces do tramo: A Pobra, Sarria norte e Sarria centro e a ampliación dos seis pasos inferiores; así coma a instalación dun valado reforzado para evitar o acceso de fauna salvaxe.

Segunda fase da autovía

O Goberno galego, de maneira paralela, segue a avanzar na segunda fase da autovía, trala adxudicación da redacción do proxecto construtivo que completará o desdobramento da infraestrutura ata Lugo.

Esta segunda fase da autovía abarca 13,5 quilómetros, entre A Pobra de San Xiao e a conexión coa A-6 en Nadela.

Este traballo, adxudicado por case 270.000 euros, ponse en marcha para poder dispor xa a mediados de 2023 dun proxecto de trazado para someter a información pública.

Hai que recordar que o Executivo autonómico investiu máis de 135 millóns de euros na construción, nos peores anos da crise económica, da vía de altas prestacións entre Sarria e Monforte, finalizada no ano 2015, e agora continúa co seu desdobramento.

0.17269921302795