O curso de primeiros auxilios pediátricos volve triunfar e podería ter unha terceira edición

SarriaXa
A alta participación das familias e a calidade da formación impartida por Matronas e Nais, en colaboración co Servizo de Atención Temperá, consolidan esta iniciativa como un referente formativo na comarca
Sarria-Servizo-atencion-tempera
5 Aug 2025

A segunda edición do Curso de Primeiros Auxilios Pediátricos, promovido polo Servizo de Atención Temperá (SAT), celebrouse con grande éxito de participación e valoración. A actividade contou coa implicación de numerosas familias, que amosaron un alto grao de interese e compromiso ao longo da xornada.

Desde a organización agradecen “de corazón” a todas as persoas asistentes pola súa presenza e participación activa, destacando que foron clave para o bo desenvolvemento da xornada.

A formación estivo a cargo da entidade Matronas e Nais, que volveu ofrecer un contido “práctico, claro e moi útil”, segundo valoran desde o SAT. A profesionalidade do equipo formador e a coordinación co servizo municipal permitiron crear un espazo de aprendizaxe dinámico e adaptado ás necesidades reais das familias con crianzas pequenas.

Debido ao interese xerado e á demanda existente, a organización xa está a estudar a posibilidade de convocar unha terceira edición do curso para dar cabida a todas aquelas persoas que quedaron sen praza ou non puideron asistir nesta ocasión.

As persoas interesadas poden contactar co Servizo de Atención Temperá a través do número de teléfono 621 371 524 para manifestar o seu interese e recibir información sobre as posibles novas datas ou outras actividades formativas.

⚙ Configurar cookies
0.030781030654907