O descenso urbano regresa a Sarria coa XII edición do DHU Vila de Sarria os días 25 e 26 de xullo

GaliciaXa | SarriaXa
Este 2025, o DHU Vila de Sarria aposta por repetir e mesmo superar o éxito anterior, combinando deporte, espectáculo e música
Dhu-Vila-de-Sarrria-2024
17 Jun 2025

A emoción do descenso urbano volverá tomar as rúas de Sarria os días 25 e 26 de xullo coa celebración da XII edición do DHU Vila de Sarria do DHG Team.

Este evento, que xa se consolidou como unha cita de referencia a nivel internacional, promete de novo un espectáculo cargado de velocidade, técnica e adrenalina nun percorrido urbano único que transforma o corazón da vila luguesa nun auténtico circuíto de MTB.

Na pasada edición, o éxito foi rotundo: máis de 2.000 persoas se achegaron a gozar dunha fin de semana chea de emoción, con 150 nenos e nenas participando no MINIDHU, 130 corredores adultos na proba principal e unha novidade que enganchou ao público, o Dir Jump, con oito participantes que sorprenderon cos seus saltos espectaculares.

O ambiente non decaeu pola noite, xa que os concertos volveron converter a Sarria nun epicentro musical, especialmente coa actuación de Los Enemigos, que congregou unha multitude entregada. A final da Eurocopa proxectada nunha pantalla xigante completou un evento onde, segundo os organizadores, “non cabía unha alma máis, estaba todo cheo”.

Este 2025, o DHU Vila de Sarria aposta por repetir e mesmo superar o éxito anterior, combinando deporte, espectáculo e música nunha experiencia que cada vez atrae máis atención e prestixio máis alá das fronteiras galegas.

⚙ Configurar cookies
0.10226798057556