O DHG de Sarria acondicionou o monte Santa Cristina para o vindeiro Campionato
O club ciclista DH Galicia de Sarria anunciou que o vindeiro 11 de xuño celebrarase o Campionato de DH Galicia no circuíto do Páramo DH Molinos e por iso comezou os traballos de mellora das pistas no monte de Santa Cristina.
Unha decena de socios do club ciclista participaron destas obras que se acometeron en tres días para mellorar os terreos polos que circularán os participantes do Campionato, xa que o monte estaba intransitable debido aos temporais.
Ademais de mellorar o percorrido polo monte, tamén arranxaron as vías e as cunetas, e colocaron novas tubaxes para canalizar as augas e evitar que as chuvias poidan provocar novos danos.
Por outra banda, o club pensa en instalar cámaras de videovixilancia no monte para evitar que persoas poidan realizar actos incívicos como tirar lixo ou crear incendios, sempre co consentimento dos comuneiros.
Neste monte de Santa Cristina, o club dispón de oito circuítos cunha lonxitude aproximada dun quilómetro que se pode ver na páxina web do club, onde ofrece unha descrición de cada trazado, fotografías e vídeos dos percorridos.