O DHG Team presenta o cartel da súa décima edición do DHU Vila de Sarria
Os organizadores do DHU Vila de Sarria, que forman parte do DHG Team, presentaron o seu cartel nun acto en Sarria no que participaron a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través do seu vicepresidente, Efrén Castro, así como a Xunta de Galicia, a través do seu delegado territorial de Lugo, Javier Arias.
O club ciclista DH Galicia, que vén organizando o evento desde 2012, ultima os preparativos da décima edición, que incluirá dúas xornadas de espectáculo deportivo nas rúas da vila. O 29 de xullo, a cargo das xeracións máis novas, no Mini DHU Vila de Sarria, e o 30 de xullo, coa proba estrela.
O circuíto comezará no campo da feira e cruzará o centro histórico pola ruta xacobea ata O Malecón, polo que supuxo a instalación de máis de 100 módulos de madeira cos que se van conformando os elementos do percorrido.
A organización subliñou a ampla cobertura mediática, que nesta edición incrementarase coa retransmisión a nivel nacional en canais como a Televisión de Galicia (TVG) e Eurosport.
Valoración das institucións
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, valorou “o esforzo do DHG na organización e na loxística da proba, que converteu Sarria nun referente estatal desta modalidade e que, ademais de xerar unha gran afluencia de persoas e dinamismo nestes días, supón tamén unha oportunidade para proxectar a imaxe de Sarria, grazas á atención e ao interese que poñen na promoción mediática e audiovisual” e subliñou
tamén “o traballo que o club ven facendo por dar continuidade a afección por esta modalidades coa escola de ciclismo, que supón unha alternativa de ocio saudable para as nenas e nenos”.
Por todo isto, a área de Deportes achega 14.000 euros para a organización da proba, a través dun convenio interadministrativo co Concello de Sarria.
Pola súa parte, Javier Arias puxo de relevo que esta proba de referencia a nivel nacional “atrae a milleiros de espectadores para desfrutar do deporte extremo e do espectáculo, o que supón un pulo máis para a dinamización económica e turística do concello e para que os visitantes coñezan todos os recursos cos que conta esta zona”.