O DHG Team presenta unha nova ruta baixo o nome de Ruta BTT Corga's de Sarria
O Club DHGalicia anuncia que estrean unha nova ruta o vindeiro 13 de outubro, baixo o nome de Ruta Corga`s de Sarria 2024 como recoñecemento a un dos membros do club, que faleceu hai seis meses e ao que chamaban ‘Corga’.
Así, despois duns anos de parón, emprenden de novo a organización dunha ruta con aires renovados, cun percorrido totalmente ciclable e adaptado a todo tipo de bikers, pero sempre co selo do DHG.
A ruta, que transcorre polos concellos de Sarria e Láncara, terá dúas distancias: unha curta, de 35 kms cun desnivel de 700+; e unha longa, cunha distancia de 55 kms e un desnivel de 1500+.
En ambas rutas contarase con bolsa do corredor, avituallamentos sólidos/líquidos, ambulancia, voluntarios sinalizando os cruces e, ao remate, haberá pinchos para todos con algunha sorpresa.
Ademais, aproveitando que o club DH Galicia ten unha escola de nenos, ese mesmo día levarán a cabo tamén unha ruta infantil polos arredores de Sarria, totalmente cha e sen dificultades, orientada aos máis cativos, entre 1 e 16 anos, aínda que os menores de 14 anos deberán ir acompañados por un adulto.