O DHU Vila de Sarria encherá de deporte, música e diversión o Día de Galicia

No marco da XII edición do DHU Vila de Sarria, que se celebra os días 25 e 26 de xullo, os organizadores do DHG Team acaban de anunciar unha serie de actividades complementarias para toda a familia durante o evento de ciclismo polas rúas da vila.
O 25 de xullo, coincidindo co Día de Galicia, a xornada será totalmente de balde e estará chea de propostas para gozar do deporte, a música e o entretemento.
A partir das 19:00 horas no cruce da Avenida, comezará a programación coa actuación musical de Saha & Ryu, que presentarán o seu proxecto Xardín das Fadas.
Para os máis pequenos —e tamén para os non tan pequenos— está preparado o espectáculo familiar Piensa en Wilbur, que combina humor, acrobacias e moita tolemia para facer as delicias do público.
Ademais, este mesmo día terá lugar o Mini DHU Vila de Sarria, onde os máis pequenos serán os protagonistas do descenso urbano.
Xa pola noite, o grupo Green Covers animará a toda a vila con versións dos grandes éxitos de bandas como Coldplay, Muse e moitos máis, facendo que o público cante ao unísono.
Para pechar a xornada, celebrarase un guateque con DJ Frisco e Marcos Peón baixo o título “Yo lataba en EGB”, un regreso aos himnos das décadas douradas que farán revivir ao público as mellores épocas musicais como se o tempo non pasase.