O DHU Vila de Sarria foi todo un éxito e o ano que vén o evento seguirá nesta liña

SarriaXa
A organización do DHU Vila de Sarria fai unha valoración, unha semana despois, do DHU Vila de Sarria, que aglomerou centos de persoas
podium DHU Vila de Sarria 2
4 Ago 2023

As rúas da vila de Sarria acolleron a décima edición do Descenso Urbano DHU Vila de Sarria, que reuniu a 265 participantes entre maiores e nenos.

Organizado polo DHG Team, esta edición especial cumpre 10 anos, polo que a organización puxo todo o empeño traballando durante meses para que esta cita abarcara o maior público posible, integrando a gastronomía local e a cultura a un evento que goza de recoñecementos como mellor evento deportivo de Galicia.

Descenso de adultos

O groso do descenso, o DHU Vila de Sarria de adultos do domingo, foi o máis espectacular de tódalas edicións no que deportistas profesionais como Edgar Carballo, Toni Ferreiro, Marco Veiga, Eva Castro ou o portugués José Borges pelexaron na xornada do domingo por intentar ser os máis rápidos en descender por o espectacular circuíto que percorre o pobo da Vila de Sarria dende O Campo da Feira ata a Illa do Malecón.

Así, conseguiuno o portugués, José Borges, quen foi o campión absoluto cun tempo de 1.32.559; mentres que Toni Ferreiro quedou segundo cun tempo de 1.32.559, Marco Veiga terceiro, cun tempo de 1.32.566; e Edgar Carballo, cun tempo de 1.32.590.

Pola súa parte, Alba Arias, de Arteixo foi a muller máis rápida da proba, cun tempo de 1.49.246.

Actividades

Ademais do deporte, tamén houbo moita gastronomía local e cultura, algo polo que sempre se apostou en Sarria e neste evento.

Así, actuaron Grison Beatbox, Thom Archi, DH Sutan, Sila Lua, Youcanthide e DJ Jor Ginho; pero tamén houbo actividades como o espectáculo bici vs moto trial e un obradoiro para nenos e nenas que consiste nun obradoiro de grafitti.

Por último, o Mini DHU Vila de Sarria tamén deixou momentos memorables nos que os máis pequenos participaron dun circuíto especial para eles, percorrendo as rúas da vila de Sarria dando todo de si e mostrando o potencial do ciclismo en Sarria e da man do equipo DHG Team.

Valoración da organización

Pola súa parte, os organizadores do evento quixeron agradecer aos patrocinadores principais deste evento, o Concello de Sarria, a Xunta de Galicia e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo o seu apoio, pero tamén ás máis de 70 persoas que axudaron de forma altruísta e voluntaria a facer posible esta edición.

Ademais, defenden que están “moi contentos” por como saíu todo, xa que “houbo moitos participantes, sobre todo nenos, que fixeron que a proba do Mini DHU Vila de Sarria se alargara e tamén moitas persoas que desfrutaron das actividades que propuxemos”.

Por último, quixeron dar as grazas a todas as persoas que se achegaron a ver este espectáculo como público e sostiveron que “á xente encantoulle a gastronomía, os talleres e as actuacións, polo que o ano que vén seguiremos nesa liña”.

0.19381093978882