O documental sobre a historia de Manuel Díaz González, o médico dos pobres, chega a Samos
O documental 'O médico dos pobres' segue o seu percorrido de proxeccións que fai unha parada no Concello de Samos. Os veciños poderán gozar da produción o domingo 3 de decembro a partir das 17.00 horas no salón de actos do multiusos.
O documental sobre o último alcalde republicano do Incio, asasinado polos falanxistas en 1936, está impulsado pola asociación A Memoria é Náufraga e dirixido por Federico Rioboo. Deste xeio, a peza recupera a memoria dunha figura de transcendencia para a vida social e política do Incio cando se cumpren 87 anos da súa morte. Porén, o médico e político tamén deixou a súa pegada en Bóveda, pois foi neste Concello onde tivo o seu último refuxio antes de ser apresado e executado en Castilla da Serra.
A través deste traballo, baseado no libro Siempre y memoria - muerte y evocación de un médico republicano de José Luis Díaz Gómez, o colectivo pretende divulgar a relevancia desta personaxe que foi todo un exemplo de profesionalidade e vocación de servizo para os veciños.
Para poder levar a cabo o proxecto contaron co apoio económico da Deputación de Lugo e A Coruña así como tamén coa axuda de varios donantes a través dunha campaña de colaboración na que xuntaron máis de 3.000 euros.