O Entroido chega a Sarria con diversas actividades
O Concello de Sarria vén de publicar as actividades que formarán parte da celebración do Entroido de 2023, que comezarán o vindeiro 10 de febreiro e rematarán o 24 deste mes.
Así, o venres que vén, 10 de febreiro comeza o ciclo de cine infantil na Casa da Cultura coa proxección da película Tiara y el sapo, ás 17.30 horas que terá entrada gratuíta e sen reserva e o seguinte venres, 17 de febreiro, proxectarase a película Río da mesma maneira.
Xa o domingo, 19 de febreiro, terá lugar a festa grande do Entroido co concurso do desfile de comparsas e carrozas, que sairá do barrio da Estación ás 17.00 horas e rematará ás 20.00 horas na Praza da Vila co reparto de premios.
Así, o concello repartirá 6.050 euros entre os participantes infantís e adultos que compitan nas categorías de carrozas, comparsas, tríos, dúos ou individual.
Para inscribirse, é preciso presentar no rexistro municipal ou enviar ao enderezo electrónico cultura@sarria.gal o impreso que se facilitará no concello ou que se pode descargar desde a páxina web.
Máis actividades
O luns e o martes terá lugar un obradoiro de elaboración de máscaras para nenos de 3 a 12 anos desde as 10.00 ata as 12.00 horas na Biblioteca Pública Municipal Camilo Gonsar ao que haberá que inscribirse no teléfono 982 53 07 23. Na mesma Biblioteca, o martes 21, de 12.00 a 14.00 horas haberá unha festa infantil con agasallos para os nenos.
O luns, 20 de febreiro, ademais, a sociedade La Unión organizará un baile infantil do Entroido entre as 17.30 e as 20.30 horas á que poderá asistir calquera neno de balde.
Por último, o venres 24 de febreiro, proxectarase a película Encanto na Casa da Cultura, ás 17.30 horas á que se poderá asistir sen pagar entrada.