O Entroido de Sarria 2025 foi todo un éxito de participación

SarriaXa
A partir das 17.00 horas, máis de 20 grupos e arredor de 1.400 participantes desfilaron polas principais rúas do centro, nun percorrido que partiu da Feculera
Entroido-Sarria-2025
3 Mar 2025

O Entroido de Sarria 2025 foi todo un éxito de participación e ambiente festivo, xa que as rúas da vila se encheron de cor, alegría e creatividade co gran Desfile de Entroido, que congregou a milleiros de persoas.

A partir das 17.00 horas, máis de 20 grupos e arredor de 1.400 participantes desfilaron polas principais rúas do centro, nun percorrido que partiu da Feculera e continuou polas rúas da Liberdade, Diego Pazos e Matías López, ata rematar na Praza da Vila.

O evento destacou tamén pola súa aposta pola inclusión. Na rúa da Liberdade habilitouse un tramo de son moderado, permitindo que persoas con hipersensibilidade acústica puidesen desfrutar do desfile con maior comodidade.

O broche de ouro desta xornada festiva chegou ás 19.00 horas na Praza da Vila, onde se realizou a entrega de premios. En total, repartíronse 6.050 euros en galardóns para os mellores disfraces e comparsas, recoñecendo o esforzo e a imaxinación dos participantes.

OS PREMIOS DO DESFILE

Na categoría de carroza, o primeiro premio foi para 'O Barraquillo', que representou unha festa con trío musical, hinchable e postos de algodón de azucre, lambetadas e tiro. O segundo posto foi para 'A tribu dos indios' da Anpa do colexio de Oural, mentres que o terceiro lugar quedou para 'Sen vergoña'.

Na categoría de comparsas, a ANPA do colexio La Asunción venceu con 'Os Asunpeiros', que homenaxeou os diferentes Entroidos galegos, así como á fotógrafa e etnógrafa Mercedes Vázquez Saavedra e á escultora Violeta Bernardo. O segundo lugar foi para 'O bosque máxico' da ANPA do CEIP Frei Luis de Granada; mentres que as 'Piruletas do Xela' da ANPA da Escola de Educación Infantil Xela Arias da vila e 'A fraga máxica' do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) levaron o terceiro e cuarto premio, respectivamente.

En individual, o gañador foi 'Salta salta pequeno canguro', seguido de 'La canción del Colacao'. O xurado recoñeceu tamén a mellor música en vivo, que foi a da Batucada TuKuPá!.

Ademais, entregáronse tres accésits: a mellor infantil para 'Érase unha vez... a Merced' do colexio de La Merced, á comparsa máis animada de 50 compoñentes para 'Manda ovos con Paradela' do CEIP San Miguel de Paradela, e ao participante máis animado para Marcos, de 'Os Asunpeiros'.

A festa culminou cun vibrante concerto de Gramola Gominola, que puxo a música e a enerxía necesarias para pechar unha xornada inesquecible.

 

⚙ Configurar cookies
0.042970895767212