O equipo feminino do Preinfantil Casa Barbadelo CB Sarria gañou o Campionato Galego Preinfantil
As xogadoras do Preinfantil Casa Barbadelo CB Sarria conseguiron gañar a final do Campionato Galego na categoría PreInfantil despois de enfrontarse na final contra o Trumacor Culleredo PIF.
Neste encontro tiveron lugar pola mañá as semifinais que enfrontaron ao Trumacor Culleredo PIF contra o Adega Santa Minia CB Brión ás 10.00 horas e o Casa Barbadelo CB Sarria contra o Basquet Coruña Leyma U13 ás 12.00 horas, partido no cal o CB Sarria comezou "con nervios e custoulle un pouco arrancar", como explica a entrenadora deste equipo, Maísa López. Porén, despois do descanso, o "Basquet Coruña empezou a baixar e rompimos o partido".
Así, pasaron á final, que se celebrou ás 19.30 horas e na que se enfrontaron o Casa Barbadelo CB Sarria contra o Trumacor Culleredo PIF. Nesta ocasión, Maísa López intentou calmar ás xogadoras dicíndolles que ser subcampioas era todo un éxito, polo que tiñan que "saír a desfrutar" e tiñan que estar tranquilas, porque calquera dos resultados que obtiveran, era motivo de orgullo.
Por isto, as xogadoras saíron máis tranquilas que no partido da mañá, a pesar de que lles custou a primeira parte, explica López. Porén, xa na segunda parte, "collimos forza" e iso fixo que conseguiran o éxito, "baseado na confianza das nenas", sostén a adestradora.
Maísa López séntese moi orgullosa do éxito acadado, non só por conseguir gañar o Campionato Galego Preinfantil, senón tamén pola puntuación, xa que 92 puntos é a marca máis alta conseguida polo equipo na temporada. "Ten moito mérito facer 92 puntos despois de xogar pola mañá e nunha final dun campionato", subliñou Maísa López.
A final púidose ver en directo a través da canle de Youtube de Vía Fegaba TV, aínda que moitos foron os que se desprazaron ata Culleredo desde Sarria para ver en directo o partido das sarriás.
Este é o segundo título autonómico que gaña o CB Sarria e o primeiro feminino en toda a súa historia.