O equipo Kung Fu Láncara adestrou habilitades físicas nas camas elásticas de Lugo
O equipo Kung Fu Láncara, da Asocición de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) do CPI Ramón Piñeiro, da Pobra de San Xiao, en Láncara, completaron un adestramento especializado nas instalacións dun centro recreativo de camas elásticas da cidade de Lugo.
O Mestre Miguel Ángel Rojo Darriba di que as artes marciais non só se practican ou adestran, senón que tamén se estudan e que as capacidades físicas son para o deporte, a destreza é para a arte marcial.
“Nós militamos esa liña de pensamento, na comprensión da arte marcial como a ciencia da defensa persoal. Pois é que predominan os deportes de orixe marcial sobre as artes marciais propiamente ditas e ambas vías posúen enormes e inumerábeis virtudes, porén son diferentes en enfoque e obxectivo”.
Por iso, din, que aínda centrados no estudo da ciencia da defensa persoal, “tamén lle prestamos importancia a adquirir hábitos de vida saudábeis e a un adestramento físico que permita ao noso corpo fluír ao ritmo e vontade que visualiza e marca a nosa mente”.
Así, cren que a actividade física debe ser “variada, sorprendente, fascinante e inspiradora” e que as acrobacias “son parte do cultivo do corpo e parte do ideal de conseguir todas as posibilidades das que é capaz a nosa anatomía, a biomecánica humana”.
Con todo, opinan que as instalacións nas que estiveron serven “para adestrar con seguridade acrobacias complexas que necesitan de determinadas infraestruturas propias da ximnasia artística, como é o foxo de tacos de escuma, esponxa...
Ademais, “permite que os nenos adestren xogando, que reforcen, nesta idade clave, unha filiación por un ocio saudábel que lles permita construír na súa vida vías de autorrealización, chegando a ser persoas completas. É o ideal que todos perseguimos para as novas xeracións, que avancen máis rápido do que no seu tempo avanzamos nós, evitarlles os erros que cometemos nós, darlles máis oportunidades que tivemos nós, darlles a mellor formación posíbel e axudarlles, no modo en que podamos, a que accedan a unha boa posición laboral e que atopen artes e vías de autorrealización, que cultiven e manteñan a paixón nas súas vidas”, conclúen.