O escritor sarriao Manuel F. Rodríguez viaxa a Xapón para impartir conferencias sobre o Camiño de Santiago

SarriaXa
O autor intervirá en congresos e universidades da illa xaponesa e realizará parte do percorrido de peregrinación budista, en paralelo á súa participación na Expo de Osaka
Manuel-F-Rodriguez-en-Takamatsu
9 Sep 2025

Manuel F. Rodríguez, escritor e xornalista galego especializado no fenómeno xacobeo, viaxou a Xapón convidado pola Asociación de Amigos do Camiño de Shikoku, que celebra o seu décimo aniversario.

Cunha longa traxectoria como investigador e divulgador do Camiño de Santiago, ao longo da súa carreira publicou artigos en distintos países e idiomas, ofreceu conferencias en preto de vinte estados e recibiu, entre outros recoñecementos, o Premio Internacional Aymeric Picaud en 2019, a máxima distinción no ámbito da divulgación xacobea.

O xornalista participará nun ciclo de conferencias que se desenvolve entre o 9 e o 14 deste mes en diferentes puntos da illa, cunha primeira intervención no Congreso Internacional da Asociación dos 88 Templos do Camiño de Shikoku,na que houbo 800 personas, peregrinos do Camiño de Shikoku e monxes budistas de toda Xapón. Tamén ofrecerá relatorios no Concello da cidade de Sanuki e na Facultade de Educación da Universidade pública da prefectura de Kagawa.

Durante a súa estancia, terá a oportunidade de realizar algunhas etapas da histórica ruta de Shikoku, un percorrido de 1.200 anos de existencia e case 1.300 quilómetros, ademais de visitar varios dos 88 templos que a conforman. Rodríguez tamén participará nos actos de promoción desta peregrinación budista na Exposición Universal que se celebra este ano en Osaka.

A viaxe reforza, ademais, os lazos entre Galicia e Xapón a través das súas rutas espirituais, pois a Asociación de Amigos do Camiño de Shikoku mantén unha colaboración activa con entidades do Camiño de Santiago, entre elas a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Comarca de Sarria.

⚙ Configurar cookies
0.1610848903656