O Esmorga Fest celebra dez anos en Sarria cun cartel cheo de referentes da música independente

O Esmorga Fest regresa esta fin de semana a Sarria para celebrar o seu décimo aniversario cun cartel que reúne a algúns dos nomes máis destacados da escena independente, como Anabel Lee, Battosai, Beach Avenue, Bum Motion Club, Joe Crepúsculo, Ezezez, La Habitación Roja, Las Dianas, Las Prisas, Mujeres, Oh Hiroshima, ParquesSVR, Sara Zozaya e Viva Belgrado. A programación complétase cos djs Cholas, Javier LG, John Axiom e Pálida.
O festival manterá o formato das últimas edicións, con concertos de pago na sala Litmar o venres 17 a partir das 20.00 horas e o sábado 18 desde as 20.30 horas. Ademais, o día 18 celebrarase o Esmorguiña, unha xornada con actuacións e actividades gratuítas dirixidas á cativada entre as 13.00 e as 18.30 horas no espazo da Unión. O recinto acollerá tamén a exposición artística Cuchillo y espada e un posto solidario de complementos cuxos beneficios se destinarán a familias palestinas da franxa de Gaza.
A cita, consolidada como un referente da música alternativa en Galicia e no panorama estatal, forma parte dos Concertos do Xacobeo e conta co apoio institucional da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia.
O vicepresidente provincial, Efrén Castro, participou na presentación do cartel e destacou o labor da organización por “converter o Esmorga Fest nun dos principais activos culturais de Sarria, pola súa proxección en Galicia e no resto do Estado e pola vontade de involucrar á veciñanza na celebración”. Castro enmarcou o respaldo da Deputación “na colaboración continuada co tecido asociativo para manter unha oferta estable de música en directo en toda a provincia”.
Pola súa parte, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, tamén participou na presentación e felicitou aos organizadores por “alcanzar a décima edición como un referente consolidado entre os festivais de música alternativa de maior calidade do panorama nacional”.