O Esmorga Fest celebrou unha década cun agradecemento ao seu público

SarriaXa
A organización destaca a evolución do festival desde o 2015 e agradece o apoio do público, as bandas e as institucións
Esmorga-Fest-25
22 Oct 2025

O Esmorga Fest celebrou o pasado fin de semana en Sarria o seu décimo aniversario, converténdose nunha cita consolidada no panorama musical galego. Desde a organización, os responsables do festival quixeron expresar o seu agradecemento a todas as persoas que fixeron posible esta década de historia, música e emocións compartidas.

“Grazas infinitas, esmorgueirxs”, comezaron dicindo nunha mensaxe dirixida ao público. “Foron dez anos nos que fostes aparecendo, un a un, ata convertervos en indestrutibles, dende o primeiro acorde ata o último baile”.

Lembraron tamén que cando puxeron en marcha o proxecto no 2015, non sabían canto tempo ía durar nin ata onde os levaría, pero tiñan claro o obxectivo de compartir a súa inquedanza musical e achegar á comarca propostas diferentes e vivas.

O que comezou como un pequeno soño entre amizades, explican, foi medrando edición tras edición ata converterse en algo moito máis grande. “Porque iso é o que significa Esmorga: celebrar, sentir, deixarse levar e vivir intensamente, pero sobre todo, facelo xuntxs”, sinalan.

A organización tamén agradeceu a todas as bandas que participaron ao longo destes dez anos por poñerlle son, alma e corazón ao festival, así como ás institucións, patrocinadores e colaboradoras que apoiaron o proxecto desde o principio. “Sen o voso apoio, esta aventura non sería posible”, destacaron, engadindo un recoñecemento especial a todo o equipo que traballa detrás do escenario para que a música soe máis forte.

⚙ Configurar cookies
0.066615104675293