O Esmorga Fest confirma os horarios cos que encherá Sarria de música este outono

Sarria prepárase para acoller unha nova edición do Esmorga Fest, unha das citas máis destacadas da música alternativa galega, que regresará os días 17 e 18 de outubro cun cartel diverso e dúas xornadas de concertos repartidos entre a Sala Litmar e o espazo A Unión.
O evento, que combina nomes consolidados e propostas emerxentes, ofrecerá máis de doce horas ininterrompidas de música e promete converter a vila nun punto de encontro para o público máis inquedo.
A programación abrirase o venres 17 ás 20.00 horas coa apertura de portas no escenario ViceDepu da Sala Litmar. A primeira en subir ao escenario será Battosai ás 20.30 horas, seguida de Anabel Lee ás 21.35 e de Vïva Belgrado ás 22.55. Xa entrada a noite, será a quenda de Mujeres ás 00.30, Ezetaez ás 02.05, Joe Crepúsculo ás 03.10 e, como peche da xornada, Pálida ás 04.20.
O sábado 18 a actividade dividirase entre dous escenarios. A xornada arrincará no escenario Xacobeo, situado na Unión, coa apertura de portas ás 13.00 horas. A primeira banda será Las Prisas ás 13.30, seguida de Cholas ás 14.25, Sara Zozaya ás 16.25, Beach Avenue ás 17.30 e Axiom Band ás 18.20, completando un bloque diúrno con clara aposta pola creación galega e estatal.
Pola noite, a acción trasladarase de novo á Sala Litmar, onde as portas abrirán ás 20.30 horas. A festa continuará con Las Dianas ás 21.00, Oh Hiroshima ás 22.20, La Habitación Roja ás 23.50, Bum Motion Club ás 01.25, Parquesvr ás 02.45 e Javier LG ás 04.10, encargado de poñer o broche final a un festival que este ano promete intensidade e variedade musical.
O Esmorga Fest, promovido coa colaboración do Concello de Sarria, o Xacobeo 21-22 e outras entidades culturais, consolídase así como unha das propostas máis singulares do outono galego, cunha programación que mestura enerxía, diversidade e espírito independente.