O Esmorga Fest de Sarria xa ten datas confirmadas para a súa décima edición

O Esmorga Fest xa ten datas para a súa décima edición. Os organizadores veñen de anunciar que o festival volverá a Sarria os días 17 e 18 de outubro, mantendo como epicentro musical a Sala Litmar, que un ano máis acollerá as actuacións principais dun evento que se consolidou como unha das citas imprescindibles do calendario cultural da vila.
Como en edicións anteriores, o Esmorga Fest apostará por unha programación variada e de calidade, reunindo a artistas e grupos destacados do panorama musical actual. A pasada edición de 2024 contou coa presenza de nomes como Atención Tsunami, Ezpalak, Mourn, Nudozurdo, Cora Yako, Los Manises, Schulz DJ, El Chico López, Bernal, Ghostwoman, Triángulo de Amor Bizarro, Perro, Maquina, Sutan e Jor Ginho, que fixeron vibrar á Sala Litmar durante dous días intensos de música.
Ademais do seu escenario principal, o Esmorga continúa levando a música a outros recunchos de Sarria. En 2024 tamén se sumaron á programación espazos como a Sociedad Cultural La Unión, onde se celebraron actuacións máis íntimas ou experimentais con artistas como Carmela, Tristón DJ, Terror Erótico, Terrae DJs e Músculo.
A organización xa anunciou que o vindeiro 22 de maio comezarán as primeiras confirmacións de artistas para esta edición tan especial, na que celebran unha década de historia, consolidando un proxecto que medra ano tras ano e que transforma Sarria nun punto de encontro musical e cultural durante o outono.