O espectáculo Circo na Casa, de Moc Moc Producciones, chega a Láncara
A compañía Moc Moc Producciones leva o seu espectáculo Circo na Casa dirixido a público infantil, a tódolos nenos e nenas do concello de Láncara. A representación terá lugar maña xoves 29 de setembro ás 17.00 na biblioteca do concello e será un evento gratuíto.
Circo na Casa é un clown no que os roles entre homes e mulleres non están marcados. As tarefas domésticas hai que repartilas e para o protagonista non son aburridas en absoluto. A roupa sae voando, o chan é imposible de limpar e non sae dun problema para meterse noutro.
Todo isto mesturado con malabares ou equilibrios imposibles empregando cousas de andar por casa e moito humor absurdo e imprevisible que farán as delicias de tódolos públicos pero sobre todo, dos máis pequenos. En definitiva, este é un espectáculo de clown e circo a favor da igualdade de xénero.
A COMPAÑÍA
Moc Moc Espectáculos e Animación é unha compañía dedicada á produción e distribución de espectáculos para todo tipo de espazos e públicos. Foi creada a finais do 2018 por David Merelas (MeRe Clown) coa finalidade de promover os seus propios espectáculos. Pouco a pouco, a compañía comezou a colaborar con diversos artistas ofertando diferentes propostas culturais de multitude de compañías á vez que creaban novas propostas conxuntas a través de Moc Moc Producciones.
Abarcan todos os perfís de espectadores: infantís, adultos e para tódolos públicos, axustándose ao que o público quere para acadar o mellor dos resultados.
Pensan que os espectáculos e as animacións non están reservadas só para os máis cativos e queren demostrar que todos temos un neno no noso interior.