O espectáculo dos Bolechas visita este sábado Triacastela
O concello de Triacastela desfrutará este sábado ás 19:00 horas no Pavillón municipal da visita dos Bolechas, un espectáculo dirixido a público de tódalas idades.
Os Bolechas son seis irmáns: Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia, Tatá e a súa inseparable mascota, Chispa. Xunto cos protagonistas, aparecen habitualmente outros personaxes coma os seus pais, avós, curmáns, amigos ou veciño. O papá dos Bolechas é unha personaxe moi tranquila e paciente que comparte habitualmente xogos cos seus fillos. Chámase Daniel.
Nesta representación o xogo e a diversión combínanse unha vez máis coa aprendizaxe da man destas personaxes, cunha aventura chea de diversión que atrapará ós máis pequenos dende o inicio da función.
O Autor
O autor dos Bolechas é Pepe Carreiro, ilustrador e deseñador que comezou a súa traxectoria en 1977 co cómic O fillo de Breogán en A Voz do Pobo. Foi un dos fundadores de Can sen Dono, revista que dirixiu e colaborou con multitude de publicacións como La Codorniz, Mundo Obrero, El Pueblo Gallego, Faro de Vigo, A Nosa Terra, La Voz de Galicia, El Correo Gallego, Tempos novos, Retranca ou a TVG, entre outras.
Tamén publicou a saga A retirada de Sir John Moore, na primeira etapa da revista Golfiño que despois foi compilada en formato álbum por Xerais. Pero sen dúbida, a gran sona deste polifacético artista veulle tralo éxito dos Bolechas, que levan publicándose dende o año 2000 e convertéronse nun referente cultural en Galicia, coa súa serie de televisión, os espectáculos de muppets e bonecos corpóreos, o autobús Bolechas, a colección de xoias ou os discos.