O estadio da Ribela acolleu o enfrontamento da SD Sarriana contra o CD Lugo
Na tarde deste martes, 13 de agosto, disputouse no estadio da Ribela o enfrontamento entre o equipo sénior da SD Sarriana, que está en 3ª RFEF, e o CD Lugo, que se atopa en 1ª RFEF, como parte da competición da Copa Federación.
Desde a Sarriana, esperaban o partido "de compañeirismo" e que tantos sarriaos como lugueses "van desfrutar do bo ambiente e tamén no ámbito deportivo", comentaba Jose, coordinador do equipo de Sarria.
E así foi. Os de Sarria recibiron aos da cidade amurallada con ganas, xa que tanto afeccionados da Sarriana como do Lugo encheron as tribunas onde os espectadores puideron desfrutar do encontro.
Ao iniciarse o encontro, ademais dos representantes de ámbolos dous equipos e das institucións da provincia, estivo tamén o lendario futbolista de Paradela, Diego López, quen fixo o saque de honra antes de comezar o enfrontamento.
Durante o partido, puidéronse presenciar momentos de tensión deportiva no campo durante unha xornada pasada por auga, o que fixo máis interesante a competición.
Con todo, despois de varios intentos da Sarriana, o CD Lugo gañou 0-4 con goles que anotaron Rubal, Antonetti, Lansade e Jorge González, convertíndose no gañador e finalista da fase autonómica da Copa Federación. O último encontro desta clasificación será este domingo, onde o Lugo se enfrontará ao Coruxo ou ao Barbadás.