O estadio de A Ribela contará cun novo videomarcador

O Concello de Sarria deu un novo paso na mellora das infraestruturas deportivas coa adxudicación do contrato para a instalación dun videomarcador no estadio municipal da Ribela. A actuación, cun importe de 39.333 euros, estará financiada integramente pola Deputación de Lugo.
Ao proceso de licitación presentáronse catro empresas, resultando finalmente seleccionada a firma Mondo Ibérica, que será a encargada de levar a cabo os traballos. Segundo as condicións establecidas, a empresa dispón dun prazo de catro semanas para a subministración, montaxe e posta en funcionamento do novo equipamento.
Con esta actuación, o recinto deportivo contará cun sistema moderno que permitirá mellorar de forma notable a visibilidade do marcador e do tempo de xogo tanto para os futbolistas como para o colectivo arbitral e o público asistente. Ademais, o novo dispositivo facilitará a comunicación de información relevante durante os encontros, contribuíndo a unha experiencia máis completa para os afeccionados.