O festival Porta do Son trae a Sarria máis de oito horas de música urbana e electrónica o 12 de xullo

SarriaXa
O novo evento celebrará a súa primeira edición no campo de rugby con artistas e DJs de estilos como a música urbana, o indie pop e o rock, buscando atraer un público diverso
Festival-Porta-do-Son-Sarria
2 Jul 2025

Sarria contará este verán cun novo evento musical de gran formato: o Festival Porta do Son, que se celebrará o vindeiro 12 de xullo no campo de rugby da vila.

O festival, que nace coa ambición de converterse nun referente na programación cultural da comarca, ofrecerá máis de oito horas continuas de música en directo, cun cartel centrado na música urbana española, a electrónica, o indie pop e o rock.

A organización describe o evento como “un Son do Camiño a pequena escala, pero en Sarria”, apostando por un formato inclusivo e interxeracional que busca atraer públicos de diferentes idades e gustos musicais. O obxectivo é crear un ambiente festivo, diverso e moderno no corazón da vila.

Xa se coñecen os primeiros nomes que formarán parte do cartel desta primeira edición: Dann Valero, Sote, Adrián Gold, Jorge Álvarez, Carlej e Skiniz, todos eles DJs recoñecidos dentro do panorama musical actual. A programación completa, segundo avanzan dende a organización, incluirá tamén actuacións de artistas de primeiro nivel, completando unha xornada musical sen interrupcións.

O Porta do Son promete así unha noite intensa de ritmo e sons contemporáneos, consolidando a Sarria como un novo destino para os festivais de verán en Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.15647792816162