O Festival Ribela Love Nature 2026 celebrarase o 21 e 22 de agosto en Sarria

Os organizadores do Festival Ribela Love Nature confirmaron que a edición de 2026 terá lugar o 21 e 22 de agosto, unha cita que permitirá reencontrarse coa música e a natureza. A pesar de que agosto aínda queda lonxe, o festival anuncia xa a súa volta, mantendo a ilusión entre os afeccionados á música electrónica.
Sarria repetirá como epicentro do festival, que na súa edición de 2025 apostou por un cartel arriscado e innovador, combinando artistas internacionais de referencia no panorama underground europeo con talento local.
Na pasada edición participaron nomes como Identified Patient, RONI, Pangaea, Croatian Amor e I Error, xunto a Alba Franch, Jor Ginho, Angélica Salvi, Aiken, Javier LG, Architectural e JASSS.
Para a edición de 2026 aínda non se desvelaron os artistas que formarán parte do cartel, pero os organizadores adiantan que será unha programación igualmente innovadora e que pronto darán a coñecer novos nomes.