O Festival Ribela Love & Nature pon á venda as súas entradas
Xa están dispoñibles as entradas para o Festival Ribela Love & Nature que terá lugar os vindeiros 18 e 19 de agosto e no que actuarán 16 grupos e artistas musicais: Rayotaser, Maria Grep, Blanco Palamera, Valdivia, Aparato, Fábrica de Espejos, Moreno Moreno, Annie Hall, Dalila, Fonkid, Hidden Raposo, Jorginho, Aldonna, Viktor Flores, Certain People e Jack Wasfaster.
Así, as persoas que vivan en Sarria ou pasen pola vila, poderán mercar as entradas no Casino ou no Bar Xarope e para as persoas que vivan fóra de Sarria, terán que entrar na páxina web do Festival Ribela Fest e mercalas.
Ademais, na web poderanse mercar, a maiores das entradas, diferentes obxectos e roupa coa marca Ribela en forma de 'merchandising'. As persoas interesadas, tamén, poderán seleccionar aquí a opción de vivir a experiencia do cámping xunto cos concertos.
Por outra parte, desde a organización lembran que se pode aproveitar o código de desconto da edición pasada que, explican, "se non recibiches o código ou te despistaches, aínda podes enviarnos unha mensaxe directa durante e contestarémosche co código para utilizar no momento da compra".
Con respecto ao prezo das entradas, estas serán de 25 euros na superpromo, de 30 euros na promo e de 35 euros nas entradas anticipadas. Pola súa parte, o prezo de acampar dous días será de 15 euros.