O Festival Ribela Love&Nature, que terá lugar os vindeiros 18 e 19 de agosto, non conta co apoio do Concello de Sarria

SarriaXa
O Festival Ribela Love&Nature, que terá lugar os vindeiros 18 e 19 de agosto, non conta co apoio do Concello de Sarria
Ribela Love and Nature
9 Maio 2023

A segunda edición do Festival Ribela Love and Nature celebrarase en Sarria os vindeiros 18 e 19 de agosto.

En vindeiras datas porán á venda as entradas para que as persoas interesadas en asistir poidan facelo e así desfrutar de grupos musicais e artistas como Viktor Flores, Maria Grep, Jack Was Faster, Anne Hall, Blanco Palamera, Certain People, Valdivia, Rayotaser, Fonkid, Aparato, Aldonna, Fábrica de espejos, Dalila, Hidden Raposo, Jor Ginho e Moreno Moreno.

A pesar de ter moitas ganas e ilusión de celebrar este festival, desde a asociación cultural que organiza esta segunda edición aseguran que non contan co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Sarria.

Explican mediante un comunicado “a situación á que se enfrontan os festivais da vila con respecto ás axudas económicas que o Concello de Sarria destina a estes eventos, que non é equitativa”, denuncian.

Din que, desde que se anunciou a segunda edición do festival, xa en xaneiro, intentaron contactar coa Concellería de Cultura en máis de 20 ocasións, tanto de forma presencial como telefónica, pero “a resposta foi cero”.

Así, sosteñen que “mentres que non recibían á nosa asociación, os demais organizadores de eventos de toda índole foron recibidos, apoiados e patrocinados polo Concello de Sarria”.

Falta de documentación noutros proxectos

Da mesma forma, desde a organización do Festival Ribela Love&Nature denuncian que moitas das propostas que o Concello de Sarria acepta “non teñen a documentación necesaria, nin informes, nin avaliacións de risco, nin criterios máis que o criterio dunha persoa que dicta se o festival se apoia ou non”.

Pola mesma banda, tamén sosteñen que segundo quen sexa o organizador, se decide que cantidade se destina a cada un, polo que os trámites, neste caso, “son de sorprende rapidez”, sosteñen.

No caso dos organizadores do Ribela, estes non piden financiación pública, defenden, senón que esixen que se lles escoite e que lles dean “igualdade de oportunidades e un trato non discriminatorio”.

Falta de recoñecemento

Por último, quixeron apuntar a “inxustiza” que é para eles que non se lle dea valor a unha proposta “destas características e respaldada por estudos superiores e unha ampla experiencia na organización de eventos”.

Así, explican que, grazas á axuda do equipo organizador do Ribela, puidéronse facer outros eventos na vila, como son o Garitosis ou o Blues no Camiño.

Por iso, din que o Concello de Sarria mostra unha gran “falta de empatía e criterio”, que provocou “levar a cabo unha bonita iniciativa a través de meses de frustración e desidia”

Resposta do Concello

Desde a Concellaría de Cultura responderon ao comunicado dos organizadores do festival, manifestando que o ano pasado dito festival recibiu unha aportación económica de 2.420 euros do Concello de Sarria "ao considerar que, aínda sendo unha actividade de promoción privada, tratábase dunha proposta que podía contribuír a enriquecer a vida cultural de Sarria". Ademais, lembran que a Concellaría de Cultura colaborou na loxística do festival coa cesión do palco municipal.

Por outra parte, explicaron que, no caso deste ano, desde a Concellaría de Cultura non se están a programar actividades ou colaboracións externas máis aló do 28 de maio "para que o novo goberno non comece con recursos e gastos comprometidos, polo que non se volveu celebrar ningunha reunión", argumentaron.

Porén, aos organizadores non lles convenceron estas explicacións e din que o único que piden é "transparencia".

0.17086315155029