O festival Sarria & Blues no Camiño volverá en agosto cunha cuarta edición con identidade propia

O festival Sarria & Blues no Camiño celebra este verán a súa cuarta edición, mantendo o formato que o converteu nun referente musical da comarca.
Do 7 ao 10 de agosto, as rúas da vila converteranse nun escenario vivo por onde soarán os ritmos do blues en todas as súas expresións, desde os sons máis primitivos do Delta do Mississippi ata o blues eléctrico de Chicago, pasando polas brass bands de New Orleans.
Organizado polo Concello de Sarria, o festival dará comezo cun concerto de blues tradicional no atrio da Igrexa de San Salvador, simbolizando un encontro entre a tradición local da Ruta Xacobea e a historia do pobo afroamericano na súa loita pola liberdade.
Durante os catro días de celebración, o festival estenderase por múltiples espazos da vila como a Rúa Maior, o Malecón, o Meigallo ou a Rúa da Liberdade, onde terá lugar un desfile musical que precederá ao concerto central protagonizado, como en anteriores edicións, por unha blueswoman afroamericana.
O evento manterá o seu carácter aberto e próximo, con actuacións semiacústicas e concertos a pé de rúa, e ofrecerá tamén un escaparate á escena local, coa participación de grupos e bandas de Sarria que compartirán cartel con artistas nacionais e internacionais.
Así, o Sarria & Blues no Camiño consolídase como un festival que mestura música, cultura e identidade, cunha proposta singular que une territorios e historias a través do blues.