O Festival Terra Brava anuncia a súa primeira gran confirmación do cartel de 2025

SarriaXa
Tras varios anos de intentos por parte da organización, o festival logra finalmente sumar ao seu cartel esta banda, composta por músicos de referencia
Festival-Terra-Brava-Sacha-na-horta
12 Mar 2025

O Festival Terra Brava do Incio comeza a quentar motores para a súa nova edición, que se celebrará o vindeiro 16 de agosto, e faino anunciando a súa primeira gran confirmación musical: o veterano grupo Sacha na Horta, unha formación con longa traxectoria e recoñecida na escena galega, será un dos pratos fortes do evento.

Tras varios anos de intentos por parte da organización, o festival logra finalmente sumar ao seu cartel esta banda, composta por músicos de referencia que pasaron por grupos tan emblemáticos como Os Festicultores, A Matraca Perversa ou Os Galegoz, e gañadores do prestixioso Apolo Ghit. A súa incorporación representa un salto de calidade na programación e promete un directo cheo de ritmo, festa e esencia galega.

Aínda que esta é a primeira confirmación oficial do cartel, xa se adiantara previamente a participación da Mekanika Rolling Band, coñecida polos seus espectáculos vibrantes e cheos de enerxía, que animará a xornada cunha potente actuación de rúa.

Na súa pasada edición de 2024, o Terra Brava do Incio consolidouse como un evento de referencia na música galega, cun cartel destacado que incluíu nomes como Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, Peter Selek, O Val das Mouras, O Sonoro Maxín e Guezos, apostando por unha mestura de folk, rock e tradición.

Con este primeiro anuncio, o festival comeza a debuxar unha nova edición que promete seguir facendo historia no panorama musical do país. A organización avanza que nos vindeiros días iranse desvelando novas incorporacións ao cartel.

⚙ Configurar cookies
0.76187801361084