O Festival Terra Brava de O Incio pecha o cartel da súa nova edición

SarriaXa
Ao longo da xornada haberá vermú musical a cargo do grupo Xermolos e unha actuación infantil de Brais das Hortas
Terra-Brava-do-Incio-2024
20 Jun 2025

O Festival Terra Brava, que se celebrará o vindeiro 16 de agosto no concello lugués do Incio, vén de pechar o cartel completo da súa edición 2025 cun programa que aposta pola música en directo, a festa e a participación familiar.

Ao longo da xornada haberá vermú musical a cargo do grupo Xermolos e unha actuación infantil de Brais das Hortas, ademais dun xantar popular, zona de concertos, caravanas e acampada.

Entre os grandes nomes da música que subirán ao escenario destaca o histórico grupo galego Sacha na Horta, unha formación de longa traxectoria recoñecida dentro da escena musical do país. A eles súmase Lamatumbá, banda mítica nacida en 1998 e coñecida pola súa mestura de estilos e, sobre todo, polo seu inconfundible espírito verbeneiro e festivo.

Desde Portugal chegará tamén Kumpania Algazarra, recoñecida pola súa enerxía arrolladora e unha proposta que combina afrobeat, ska e ritmos balcánicos con contundente forza escénica. Outra das propostas máis chamativas será a de Mekánika Rolling Band, unha formación que mestura ritmos populares e punk brass cun estilo gamberro e participativo, consolidándose como referente nos festivais galegos.

O peche da festa correrá a cargo de DJ Um Sincero, que porá o broche final a unha xornada na que a música, a diversidade e o ambiente festivo serán os grandes protagonistas.

⚙ Configurar cookies
0.15759801864624