O Festival Terra Brava do Incio suma dous novos nomes ao cartel tras a baixa de Lamatumbá

O Festival Terra Brava, que se celebrará no Incio o vindeiro 16 de agosto co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, anuncia cambios no seu cartel tras a confirmación de que Lamatumbá finalmente non poderá actuar como estaba previsto.
Lonxe de reducir a oferta musical, a organización optou por sumar dúas novas propostas que prometen manter intacta a intensidade da cita.
Por unha banda, Zeltia Irevire achegará a súa forza e personalidade ao escenario, nunha actuación marcada pola súa enerxía característica. Pola outra, De Ninghures presentará Feira, un espectáculo que combina o mellor do folk galego actual coa fusión de ritmos doutras culturas, prometendo unha experiencia chea de emoción e dinamismo.
Así, o cartel queda conformado por Xermolos, Brais das Hortas, a Escola de Música do Incio, Mekanika Rolling Band, Zeltia Irevire, Sacha na Horta, De Ninghures, Kumpañia Algazarra e Dj Um Sincero.
Os concertos comezan ás 19.30 pero o ambiente festivo respirarase desde o mediodía coa sesión vermú e o xantar popular na carballeira a carón do campo de fútbol, que animan a participación da veciñanza no evento, como subliñou Luis Valcárcel, responsable da organización.
A xornada completarase cun torneo de billarda que se disputará despois do xantar, ofrecendo así unha mestura de música en directo, tradición e espírito festivo que define a esencia do Terra Brava.