O Festival Tremeterra encheu de música e comunidade O Incio

O pasado venres 29 e sábado 30 de agosto celebrouse no Incio o festival Tremeterra, que na súa cuarta edición consolidouse como unha cita de referencia para a cultura sound system en Galicia. A programación, que combinou obradoiros, debates, música en directo e potentes sesións de equipos de son, encheu de vibracións a Terra Brava.
O venres 29 de agosto o arranque chegou con Pirata Sound Sensistema e continuou con Bakin Black, Morgana xunto a Nina Girassois e a sesión de 10.000 Lions. Xa pola noite destacaron as actuacións de Black Beanie Dub, Ishan Sound con Rider Shafique e, como peche de madrugada, Dub Mono HiFi coa súa nova configuración de son.
O sábado 30 de agosto abriu coa parte máis formativa e participativa. Houbo unha sesión de iniciación ao yoga, a emisión especial de Tremeradio, un obradoiro de dancehall e un encontro sobre festivais inclusivos. Ademais, Media Lúa Soundsystem realizou o seu warm up.
Xa pola tarde e noite, a música tomou todo o protagonismo. Pasaron polo escenario Media Lúa Soundsystem, Ital Roots con Long Fingah, Roll&Record con Alpha Pup e Ashanti Selah. A continuación chegou Lion’s Den Soundsystem, seguido pola proposta de High Nebra con Indra MC, Piya Zawa e Tom Spirals. A madrugada estivo marcada polas sesións de Dubbing Sun, Violinbwoy e o regreso de Lion’s Den Soundsystem ata o amencer.
O Tremeterra pechou así dous días de convivencia, baile e aprendizaxe, converténdose nun espazo de referencia para a cultura musical alternativa no corazón da Terra Brava.