O Festival Tremeterra xa ten datas confirmadas para celebrar a súa IV edición

O Festival Tremeterra, unha das citas imprescindibles para os amantes da música soundsystem e da cultura dub, regresa este verán ao Encoro de Vilasouto, no Incio, para celebrar a súa cuarta edición.
O evento, coñecido como o Encontro Soundsystem da Terra Brava, terá lugar os días 29 e 30 de agosto, reunindo obradoiros, debates abertos, música en vivo e o mellor do soundsystem internacional.
A organización xa avanzou que esta edición contará cun "cartel de infarto", seguindo a estela da exitosa entrega de 2024, que trouxo a Galicia artistas de primeiro nivel como Wedding Dub, Higher Meditation, Nia Songbird, Mr Zebre, Baboon Prophecy, High Paw, Chapamama e Dub Mono Hi-Fi. Tamén estiveron presentes Radikal Guru, Wandem Soundsystem & Hornsmen Section, Torok, Ginette Prod, Lewis Bennet, High Nebra, Le Faune Stepper, Amandub, Ital Roots e Lasai.
O festival reafírmase como un punto de encontro para os seguidores da música de raíces xamaicanas, ofrecendo unha experiencia única nunha contorna natural excepcional.
A expectación é máxima ante o anuncio do novo cartel, que promete converter o Encoro de Vilasouto nun epicentro cultural e musical durante dous días.
A organización anima a todos os amantes do dub, do reggae e da cultura soundsystem a reservar as datas e prepararse para unha nova edición que promete superar as anteriores.