O Festival Ultreia Et Suseia busca poñer en valor os artistas, o patrimonio e o territorio
Etiqueta Negra organiza a segunda edición do Festival Ultreia et Suseia, na que contarán con diversos cómicos e contando coa participación das asociacións culturais da comarca de Sarria
A segunda edición do Festival Ultreia Et Suseia de Sarria celebrarase entre os vindeiros 16 de xullo e o 23 de agosto cunha gran variedade de espectáculos de comedia, narrativa oral, música e palestras conformada, todo iso da man de artistas galegos.
Ultreia et Suseia, nome que fai referencia ao histórico saúdo no Camiño de Santiago e que se pode traducir do latín como "segue adiante, máis arriba", acollerá a participación de diversos cómicos como David Amor, Pablo Meixe, Danny Boy-Rivera, Xosé Touriñán e Luís Piedrahita, que actuarán en diferentes quendas durante o seu mes de celebración para o deleite dos veciños, veciñas e visitantes sarriaos.
Esta é a segunda edición que organiza Etiqueta Negra, entidade de Sarria que produce eventos desde hai máis de vinte anos. Desde a organización, defenden que “a idea de facer o evento xorde da cantidade de propostas existentes na vila e, inicialmente, da unión de distintos proxectos de narración oral e comedia que xa estaban en marcha, polo que consideramos que xuntos teríamos máis posibilidades de facer un evento de maior calado e transcendencia para a nosa comarca”, explican.
Obxectivos do Festival
Ademais, din que o obxectivo do Festival Ultreia et Suseia é “xuntar ás asociacións e ás propostas que existen para facernos máis fortes”, pero tamén o é “contar coa participación da maior cantidade posible de asociacións e propostas ou colaboracións con artistas da zona, unido á presenza de artistas de referencia de Galicia”.
Por isto, este ano, unha das grandes novidades da segunda edición é a incorporación ao evento de distintas asociacións culturais da comarca de Sarria, como Peleiriños, Meigas e Trasgos, Huhú e Rúa da Música.
Así, dende Etiqueta Negra defenden que poden aportar unha estrutura de persoal ao proxecto “que é necesaria para poder facelo viable, pero as verdadeiras protagonistas son as asociacións e axentes que se vaian incorporando. Este proxecto quere poñer en valor o traballo de todos eles e que, como debe ser, cobren polo seu traballo”, argumentan.
Actividades
O Festival Ultreia Et Suseia será, fundamentalmente, de balde para todos os públicos, que poderán gozar de espectáculos de artes escénicas de narrativa, dos paseos teatralizados de carácter didáctico ‘Camiñografías’ e a estrea do espectáculo de comedia dos influencers Pepe y Lucas, que contan con máis dun millón de seguidores en Tiktok.
Dos espectáculos de artes escénicas enfocados á narrativa oral, destaca a sesión de contacontos de Raquel Queizás, de Travesías, para todos os públicos; un espectáculo que conxuga monicreques e narrativa oral cunha perspectiva de xénero, que rompe coa idea do papel da nena nos contos tradicionais.
Da mesma maneira, o espectáculo de Eva Rilo Elas, ten á igualdade como protagonista, será outro dos protagonistas destas xornadas.
Haberá, ademais, actividades de artes escénicas pensadas exclusivamente para un público adulto, como a de Atenea Fernández, quen mostrará historias recollidas nos últimos anos dos seus protagonistas en ‘Vicio Houbo Sempre’.
Por último, Paula Carballeira en ‘Os Contos Que Me Contaron’ mostrará os seus máis de vinte anos de experiencia no oficio.
Con respecto ás Camiñografías, volven de novo nesta segunda edición para mostrar a historia de Sarria, a súa comarca e a súa relación co Camiño de Santiago dunha maneira amena e á vez rigorosa. Nesta ocasión, celebraranse dous paseos teatralizados e gratuítos debido ao éxito da actividade na súa primeira edición, o 17 e 24 de xullo.
As únicas actividades de pago serán os espectáculos cómicos ‘Recuncho da Comedia, un show especial exclusivo para o evento, que contará coa presenza de David Amor, Pablo Meixe e Danny Boy-Rivera o ciclo o 16 de xullo, Xosé A. Touriñán o 22 de xullo e Luís Piedrahita, que pechará a programación o 23 de agosto.
Participación das asociacións de Sarria
Desde a organización destacan que Ultreia "é un proxecto aberto para todas as asociacións, artistas, e persoas vencelladas á cultura da comarca de Sarria que queiran participar", polo que animan “a todo o mundo que se anime, xa que xuntos seremos quen de crear un evento que perdure no tempo, xa que temos unha materia prima suficiente para facelo posible e a un nivel moi alto”, explican.
Ademais, Ultreia Et Suseia “é un proxecto multidisciplinar ambicioso”, que busca consolidarse a medio prazo como un espazo de posta en valor do traballo das distintas asociacións culturais da comarca Sarria, dos seus artistas e dos distintos axentes culturais galegos.
Tamén reivindican a importancia que ten o Camiño de Santiago e o seu papel no fomento da cultura: "Vémolo como unha oportunidade para fomentar o intercambio cultural e así impulsar o tecido cultural galego".
Etiqueta Negra como organizadora
Desde a organización do Festival explican que teñen a experiencia necesaria e a capacidade para facer este tipo de evento, un “proxecto con identidade e calidade”. Porén, recoñecen que esta segunda edición non foi doada de sacar adiante, “pero estamos moi satisfeitos de podelo facer e da incorporación de distintas asociacións culturais ao proxecto. Para nós é un punto de partida xa que o noso obxecto é que cada ano, se o desexan, teñan maior participación dentro do evento”, argumentan.
Ademais, sosteñen que o que máis lles impulsou a organizar esta segunda edición foi a “acollida tan boa do ano pasado”, pero “porque a programación tamén o foi”. Así, din que “cada ano intentamos ter una programación con artistas de referencia e completala con artistas e asociacións da comarca. Ademais, non buscamos programar eventos para un público moi grande, senón poñer en valor os artistas, o patrimonio e o territorio creando eventos singulares e de calidade”, defenden.
Da mesma maneira, cren necesario “ter un proxecto a medio prazo para logo facer una valoración dos resultados. Os inicios non son doados, pero a partir da terceira edición esperamos ter un evento xa consolidado e que teña una identidade propia dentro da programación cultural de Galicia”.
Así, agradecen a colaboración do Concello de Sarria, pero son conscientes de que “esa achega doutras liñas de financiamento acabará dándose, porque temos entre mans un proxecto singular e con moito futuro. Nós non buscamos un evento cunha repercusión local, queremos crear algo que vaia máis aló. E temos todos os ingredientes para facelo posible”.