O Galego toma posición

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Coa nosa VOZ, artículos do escritor Pablo Veiga, que trata os temas de actualidade cun toque persoal e atentendo a esta provincia.
Pablo Veiga foto 2022
13 Oct 2023

Por Pablo Veiga

Vaia a que se armou estes días pasados coa decisión de utilizar o galego, catalán e euskera no congreso dos deputados en Madrid. Anda que non xerou ruído mediático arredor desta iniciativa. Que supón un ridículo maiúsculo cando todos poden entenderse perfectamente en español poñerse a falar no idioma co oficial e ter que utilizar auriculares. Que o gasto para o erario público é considerable, xa que houbo que adquirir os equipamentos e pagarlle a uns tradutores profesionais para que leven a cabo ese traballo. Que son cesións a uns para asegurarse os votos na investidura. En fin, que o tema deu xogo e seguiráo a dar.

En primeiro lugar, que no conxunto do reino de España existe unha lingua común, falada en todo o territorio, que tódolos cidadáns a coñecen e que ten o estatus de oficial, é obvio e indiscutible. Non perderá esa condición porque na sé da que se chama soberanía popular se escoite de cando en vez a algunha das súas señorías outra lingua que tamén é falada, usada e coñecida en certas partes dese territorio. Sobre a partida orzamentaria que cómpre destinar a elo, sen un pretender ser frívolo cos cartos de todos e recoñecendo a aposta pola austeridade en calquera administración pública, permítaseme que relativice o investimento que suporá desenvolver este sistema de tradución no parlamento español. E sen entrar en demagoxias, pero é que non botamos contas do que que costaron aeroportos que apenas viron un avión nas súas pistas…

Non nos paramos a pensar o que pode supoñer calquera viaxe oficial dun dos nosos mandatarios top á outra parte do mundo para asistir a unha toma de posesión dun presidente ou a un funeral de estado … Cantos recursos, humanos, técnicos, materiais se mobilizan en situacións como as citadas. De verdade, témonos que martirizar porque no congreso, onde os nosos representantes podían tomar gin-tonics a tres euros, algúns deles utilicen a lingua propia da súa respectiva comunidade autónoma… Creo que está de sobra respostada cada unha das cuestións. Por último, as cesións a uns e outros deberíamolas contextualizar nun sistema parlamentario onde non existen maiorías absolutas e desde o minuto cero tense que negociar todo e chegar a acordos. A democracia, queridos amigos, é o que ten.

Estase a considerar excepcional unha medida que debería verse con total naturalidade e normalidade. No noso caso, non é preciso relatar a condición do galego como lingua discriminada, aldraxada e estigmatizada. Algunha xente, xa de anos, lembraba os contratempos que tivo que sufrir por querer expresarse na súa propia lingua no seu propio País. Por todo elo, orgullo e satisfacción de que por fin, aínda que sexa de maneira puntual ou anecdótica, o galego sexa falado, escoitado e traducido nas sesións plenarias do congreso dos deputados. Algúns non o ven, pero tampouco nos pode sorprender, xa que a súa idea que teñen da sociedade é moi reducida, e non estamos a falar única e exclusivamente do idioma.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15398502349854