O galego-venezolano Javier Conde presenta en Sarria o seu libro ‘Vidas Exiliadas’
Por Jessica Fernández
Sarria acolle a presentación do libro ‘Vidas exiliadas. Veintiún historias de desarraigo y luchas políticas’ de Javier Conde, afincado en Sarria; un galego da parroquia de Vilaboa, en Pontevedra, que viviu a meirande parte da súa vida en Venezuela a onde emigrou nos anos 60.
De profesión xornalista e reporteiro, e escritor de afección, desde Sarria continúa escribindo e recompilando textos dos seus varios destinos por América do Sur. Así, destaca que a acollida na vila foi “moi boa” e que se integrou en distintas actividades, xa que lle gusta vivir “en lugares onde haxa tranquilidade, despois de vivir en cidades moi grandes como Caracas e Bogotá”, sostén.
‘Vidas Exiladas’ reúne 21 historias de homes e mulleres que tiveron que saír das súas nacións de orixe, fundamentalmente por razóns políticas. Conde aborda a maioría dos xéneros do oficio, a crónica e a reportaxe, o artigo e a descrición, para ofrecer memoria de Jacobo Arbenz, o presidente guatemalteco derrocado e logo espiado en Montevideo; do catalán Manuel Pérez Vila, que se converteu nun historiador de primeira no país caribeño; do galego Lázaro Candal, voz do fútbol cantado desde América; ou de Rómulo Galegos, o máis soado dos escritores venezolanos, en Bueu, compartindo a vivencia do mar e dun grupo de intelectuais españois.
Hai tamén no libro deste xornalista hispano venezolano actualidade política do seu país de acollida e a sorte dos agora numerosos inmigrantes venezolanos “porque son apreciados onde van. A maior parte da migración inicial era de xente nova, preparada, con estudos e un ánimo de deixar atrás o malo e adaptarse canto antes ao presente, porque aí está o seu futuro e o da súa familia. Ademais, hai unha ledicia contaxiosa entre os venezolanos, quizais como consecuencia dese espírito caribeño de festa permanente nunha terra que tamén acolleu xente de fóra”, explica Conde.
No libro, ademais, sintetiza en Historia de Randy, que conta as desventuras dunha persoa disposta a facer o que sexa para saír adiante el e a súa familia, primeiro en Buenos Aires, e logo nesta vila do Camiño.
O escritor defende que se sente venezolano, e recoñece que a vida do inmigrante é “difícil e retadora”. Así, explica que “un vese obrigado a demostrar que pode desenvolverse no que sempre fixo, no meu caso o xornalismo. Pasei toda a vida en redaccións e logrei traballar como xornalista en Caracas, en Bogotá, Montevideo e en Galicia. Pero sempre hai que contar, ademais da experiencia, coa sorte de atoparse con xente que te ofreza a oportunidade de mostrar o que podes facer”, sostén.
Con todo, di que o camiño non remata aquí, “teño varios proxectos en curso. Un sobre os medios de comunicación en Venezuela e a súa debacle nestes tempos amargos; outro, unha historia sobre a migración da miña familia, que marcou os destinos de moitos dos meus familiares en Venezuela e en Brasil, e o seu posterior regreso a España”, conclúe.