O Goberno de Samos desminte o PP e defende que o punto limpo foi baleirado

SarriaXa
O executivo municipal asegura que a situación mellorou respecto ao mandato anterior e atribúe os vertidos diante das instalacións á falta de civismo dalgúns usuarios
punto-limpo-Samos
11 Sep 2025

O Goberno local de Samos respondeu ás críticas do Partido Popular, cuxo voceiro, Miguel Gallego, denunciara o “abandono” do punto limpo.

Gallego denunciou o que cualificou como “estado de abandono” do punto limpo municipal. Segundo explicou, “non hai control nin limpeza” nas instalacións, situadas na estrada que sobe a Lóuzara, unha zona moi frecuentada por turistas e sendeiristas, onde se ven obxectos tirados diante do propio punto limpo.

Desde o executivo municipal desmenten estas afirmacións e sosteñen que “é mentira que o punto limpo estea abandonado”, lembrando que nos últimos dous anos foron retiradas toneladas de refugallos que levaban acumulados durante anos, incluído o período no que Gallego foi alcalde.

As mesmas fontes explican que a presenza de obxectos abandonados diante das instalacións non responde á falta de xestión, senón ao incivismo dalgúns veciños, pese a existir un cartel que prohibe deixar lixo nesa zona. Para atallar este problema, o Concello estuda instalar cámaras de vixilancia co obxectivo de evitar verteduras incontroladas.

O executivo insiste en que as instalacións si cumpren a súa función e que se está a traballar para mellorar o servizo, fronte ao discurso de “abandono” trasladado polo PP.

⚙ Configurar cookies
0.15843296051025